• A PREVISIÓN SOCIAL COMPLEMENTARIA


    Para explicar cal é o marco e os obxectivos da previsión social complementaria cómpre lembrar o importante consenso social e político co que se asinou o Pacto de Toledo en 1995 (unanimidade dos partidos con representación parlamentaria), nunha de cuxas medidas se recomendaba "abordar a previsión social complementaria, potenciándoa como elemento de consolidación do modelo de protección social configurado no artigo 41 da Constitución". Así mesmo, a Directiva 2003/41/CE da Unión Europea considera que os Plans de Pensións de Emprego serán un complemento cada vez máis importante, colaborando co obxectivo fundamental de reforzar o modelo social europeo.

    Trátase, en todo caso, de que a protección social voluntaria, ademais de orientarse especificamente a un horizonte de aforro a medio e longo prazo, sirva de complemento e mellora das prestacións da Seguridade Social, salvagardándose sempre o principio e as bases do sistema público de pensións, e reafirmando que os devanditos sistemas complementarios teñen como obxectivo complementar e nunca substituír as pensións públicas.

    Os obxectivos que se deben cumprir para o desenvolvemento da previsión social complementaria, sen os que non parece se poida xustificar o importante esforzo de renuncia de ingresos fiscais que realiza o conxunto da sociedade, pasan por manter o carácter estritamente complementario deste sistema respecto ao sistema público de pensións. Polo tanto, considerado como un sistema complementario, e en ningún caso substitutivo da pensión pública, hai unha marxe significativa para a promoción xeneralizada de sistemas de previsión social complementarios ao conxunto da poboación traballadora para a que as pensións públicas, constitúen e deben constituír a parte esencial das rendas de substitución dos traballadores que cesaron na actividade laboral.

    O Plan de Pensións de Emprego da AXE ten como obxectivo lograr unha taxa de substitución o máis próxima posible ao 100% do salario en activo, ese e non outro, é o obxectivo. E aí existe unha marxe máis que suficiente por cubrir, se se ten en conta que a pensión media no ámbito do sector e nos diferentes réximes de protección existentes, vai desde o 55% ao 90%, do salario en activo, dependendo dos grupos de titulación. Para cumprir este propósito, O instrumento máis axeitado é a negociación e adopción de novos compromisos a través dos Plans de Pensións de Emprego, figura incentivada fiscalmente e que permite enriquecer os contidos da negociación colectiva, incorporando vantaxes para as partes e que, ademais, resultan de interese xeral: as masas de aforro líquido son un compoñente fundamental para a xeración de investimento produtivo e polo tanto de emprego e riqueza social.

    Non hai contradición, desde o noso punto de vista, entre os sistemas de previsión social complementaria e a existencia dun saudable e poderoso sistema de pensións público. Ambos poden coexistir para cumprir o mandato constitucional incluído no Art. 41 de CE, por un lado, dispensarlles prestacións suficientes aos cidadáns en situación de necesidade e polo outro, as pensións complementarias, para completar, ata onde acaden, as prestacións públicas e achegar as rendas de pasivo, no posible, á última renda de activo de cada individuo.

    Oficina do Partícipe do Plan de Pensións da A.X.E.