Requirimentos xudiciais de embargo de dereitos cons.
  • Requirimentos xudiciais de embargo de dereitos consolidados, practicados a Promotores do Plan da AXE.

     

    O Artigo 5.1.c) do texto refundido da Lei de Regulación dos Plans e Fondos de Pensións, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2002, do 29 de novembro, e o artigo 2.4.c) do Regulamento de Plans e Fondos de Pensións aprobado por Real Decreto 304/2004, establecen que un dos principios básicos polos que se rexen os plans de pensións é o de irrevogabilidade das achegas, segundo o cal, as achegas dos promotores dos plans de pensións terán o carácter de irrevogables. Polo tanto, os promotores dos plans non poden dispor dos dereitos xerados polas súas achegas nin formalizar ou executar requirimentos de traba ou embargo sobre os mesmos.

    Conforme á letra e) do antedito artigo 5.1 da Lei, as achegas ao plan intégranse obrigatoriamente nun fondo de pensións, que é unha entidade independente administrada por unha entidade xestora co concurso dunha entidade depositaria responsable da custodia dos bens e activos que integran o patrimonio do fondo.

    Segundo o principio de atribución de dereitos, as achegas do partícipe aos plans de pensións, incluídas as que lle sexan imputadas polo promotor, xeran para o partícipe uns dereitos de contido económico (dereitos consolidados) e unhas prestacións (artigos 5.1.d) e 8 da lei, e artigos 2.4.d) e 22 do Regulamento.

    As continxencias cubertas polos plans de pensións que xeran o dereito a percibir as prestacións son: xubilación, incapacidade laboral permanente e falecemento (artigo 8.6 da Lei, e artigos 7 e 8 do Regulamento).

    Os dereitos consolidados do partícipe son indispoñibles, non se poden facer efectivos ata que se produza algunha continxencia. Non obstante, é posible facer efectivos os dereitos consolidados, excepcionalmente, nos supostos de desemprego de longa duración e enfermidade grave regulados nesta normativa (artigo 8.8 da Lei, e artigo 9 do Regulamento).

    O último parágrafo do apartado 8 do artigo 8 da Lei dispón que os dereitos consolidados do partícipe nun plan de pensións non poderán ser obxecto de embargo, traba xudicial ou administrativa, ata o momento no que se cause o dereito á prestación ou no que se fagan efectivos nos supostos de enfermidade grave ou desemprego de longa duración.

    Así mesmo, o apartado 10 do devandito artigo 8 da Lei establece que as prestacións dos plans de pensións deberán serlles abonadas ao beneficiario ou beneficiarios previstos ou designados, agás que mediase embargo, traba xudicial ou administrativa, en cuxo caso cumprirase co disposto no mandamento correspondente.

    O artigo 22.7 do Regulamento establece o seguinte: “Nos termos do artigo 8, apartados 8 e 10, do texto refundido da Lei, cando o dereito ás prestacións do partícipe nun plan de pensións sexa obxecto de embargo ou traba, xudicial ou administrativa, esta resultará válida e eficaz, se ben non se executará ata que se cause o dereito á prestación ou concorran os supostos de enfermidade grave ou desemprego de longa duración previstos neste regulamento. Producidas tales circunstancias, a entidade xestora ordenará o traspaso dos fondos correspondentes ás prestacións a quen proceda, en cumprimento da orde de embargo”.

    En consecuencia, pode ser obxecto de embargo ou traba a prestación do plan de pensións, pudendo executarse cando se cause o dereito a facela efectiva (por producirse a continxencia, ou nos supostos de desemprego de longa duración ou enfermidade grave previstos nas especificacións do plan).